buscador de normativas
Leis máis accesibles co 'software' de Telémaco
Telémaco, empresa que traballa desde o Parque Tecnolóxico de Galicia,
deseña un programa informático que facilita a busca e acceso á
información dos textos lexislativos ·· O sistema permite que o usuario reciba os datos que precisa á carta
AGN . SANTIAGO
A
empresa Telémaco, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, está a
levar adiante un proxecto de investigación chamado Geneia, que consiste
en empregar as máis novidosas técnicas de intelixencia artificial para
a xeración, extracción e estruturación da información lexislativa. Para
iso, traballan na integración dunha serie de ferramentas informáticas
que lles permitan non só recuperar un texto determinado, senón tamén
identificar rexións relevantes dentro dese texto onde se concentran os
aspectos de interese para o usuario.
Finalmente,
sobre esas rexións, o sistema aplica técnicas de procesamento da
linguaxe, basicamente a nivel léxico, para identificar os elementos
fundamentais co uso de patróns de extracción.
O
produto está destinado a todos os axentes que interveñen na Sociedade
da Información: particulares, empresas, profesionais do dereito e da
xestión de empresas, a Administración e os organismos intermedios.
Dende
Telémaco aseguran que este sistema lles fará máis accesible a
información lexislativa. O proxecto de investigación conta co apoio
económico do Plan Galego de I+D+i, da Consellería de Innovación e
Industria, a través do programa de Sociedade da Información.
Ademais,
esta reportaxe forma parte dunha serie sobre proxectos de investigación
dirixidos por mulleres, co obxectivo de aumentar a visibilidade da
muller no eido da investigación, especialmente na I+D+i industrial.
A
principal fonte de información dos documentos lexislativos é a propia
Administración. Dende Telémaco recoñecen que o acceso a esta
información, o igual que ocorre con calquera tipo de documento
almacenado nunha base de datos, non é un traballo complexo.
"O
que hoxe en día non se oferta é o acceso ás partes ou rexións do
documento, a aqueles parágrafos ou frases que conteñen a información
que buscamos", explica Nuria Sotelo, investigadora principal do
proxecto.
A finalidade da investigación é,
precisamente, acadar unha metodoloxía de tratamento da información que
permita realizar unha difusión selectiva dos textos con técnicas
distintas ao envío de documentos completos, "o que significaría un novo
modelo de divulgación dos documentos lexislativos".
O
estudo contempla unha serie de obxectivos. Por unha banda, está o de
abordar a modelización da estrutura lóxica dos documentos lexislativos,
é dicir, definir unha tipoloxía xenérica das clases de documentos aos
que se pretende dar cobertura, determinar os seus compoñentes -que
tipos de contidos tratan e que elementos son relevantes para cada un
deles- e averiguar de que forma se organizan e estruturan entre si.
Outra
finalidade do proxecto é a de identificar os termos relevantes
presentes nestes documentos e a súa clasificación automática en índices
estruturados. Segundo explica Nuria Sotelo, o que se pretende é
"definir unha serie de procesos automáticos" que se aplicarán aos
documentos lexislativos que se vaian recollendo para "identificar os
aspectos esenciais dos mesmos, organizalos de forma axeitada e
clasificar eses documentos".
Coa utilización
deste sistema informático, o usuario poderá acceder á toda a base
documental da lexislación formulando consultas adecuadas ás súas
necesidades. Estas consultas contemplarían aspectos como o seu ámbito
xeográfico, ou tipo de actividade que realizan. Ademais, o proceso
faise en tempo real.