Galicia Hoxe
Radio obradoiro
El Correo Gallego
Luns 22.05.2006
Portada
atrás imprimir recomendar

buscador de normativas

Leis máis accesibles co 'software' de Telémaco

22.05.2006 Telémaco, empresa que traballa desde o Parque Tecnolóxico de Galicia, deseña un programa informático que facilita a busca e acceso á información dos textos lexislativos ·· O sistema permite que o usuario reciba os datos que precisa á carta

AGN . SANTIAGO

A empresa Telémaco, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, está a levar adiante un proxecto de investigación chamado Geneia, que consiste en empregar as máis novidosas técnicas de intelixencia artificial para a xeración, extracción e estruturación da información lexislativa. Para iso, traballan na integración dunha serie de ferramentas informáticas que lles permitan non só recuperar un texto determinado, senón tamén identificar rexións relevantes dentro dese texto onde se concentran os aspectos de interese para o usuario.

Finalmente, sobre esas rexións, o sistema aplica técnicas de procesamento da linguaxe, basicamente a nivel léxico, para identificar os elementos fundamentais co uso de patróns de extracción.

O produto está destinado a todos os axentes que interveñen na Sociedade da Información: particulares, empresas, profesionais do dereito e da xestión de empresas, a Administración e os organismos intermedios.

Dende Telémaco aseguran que este sistema lles fará máis accesible a información lexislativa. O proxecto de investigación conta co apoio económico do Plan Galego de I+D+i, da Consellería de Innovación e Industria, a través do programa de Sociedade da Información.

Ademais, esta reportaxe forma parte dunha serie sobre proxectos de investigación dirixidos por mulleres, co obxectivo de aumentar a visibilidade da muller no eido da investigación, especialmente na I+D+i industrial.

A principal fonte de información dos documentos lexislativos é a propia Administración. Dende Telémaco recoñecen que o acceso a esta información, o igual que ocorre con calquera tipo de documento almacenado nunha base de datos, non é un traballo complexo.

"O que hoxe en día non se oferta é o acceso ás partes ou rexións do documento, a aqueles parágrafos ou frases que conteñen a información que buscamos", explica Nuria Sotelo, investigadora principal do proxecto.

A finalidade da investigación é, precisamente, acadar unha metodoloxía de tratamento da información que permita realizar unha difusión selectiva dos textos con técnicas distintas ao envío de documentos completos, "o que significaría un novo modelo de divulgación dos documentos lexislativos".

O estudo contempla unha serie de obxectivos. Por unha banda, está o de abordar a modelización da estrutura lóxica dos documentos lexislativos, é dicir, definir unha tipoloxía xenérica das clases de documentos aos que se pretende dar cobertura, determinar os seus compoñentes -que tipos de contidos tratan e que elementos son relevantes para cada un deles- e averiguar de que forma se organizan e estruturan entre si.

Outra finalidade do proxecto é a de identificar os termos relevantes presentes nestes documentos e a súa clasificación automática en índices estruturados. Segundo explica Nuria Sotelo, o que se pretende é "definir unha serie de procesos automáticos" que se aplicarán aos documentos lexislativos que se vaian recollendo para "identificar os aspectos esenciais dos mesmos, organizalos de forma axeitada e clasificar eses documentos".

Coa utilización deste sistema informático, o usuario poderá acceder á toda a base documental da lexislación formulando consultas adecuadas ás súas necesidades. Estas consultas contemplarían aspectos como o seu ámbito xeográfico, ou tipo de actividade que realizan. Ademais, o proceso faise en tempo real.

 

Ante calquera dúbida, comentario ou problema
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade